Biografía

Biografia

Anxos Sumai naceu na aldea de Oeste, en Catoira, en 1960. Estudou a carreira de Xeografía e Historia na Universidade de Santiago de Compostela e especializouse en Biblioteconomía, Arquivística e Documentación. Dende 1985 traballa como bibliotecaria e documentalista, desenvolvendo a súa actividade na Biblioteca Nodal e no Museo Provincial de Pontevedra. Actualmente coordina a Área de Documentación do Consello da Cultura Galega.

Colaboradora de distintas publicacións nos oitenta e noventa, a súa actividade literaria desenvolveuse na rede dende o ano 2001 no portal culturagalega.org, onde tivo as seccións “Anxos e diaños” –compartida con Roberto Ribao-, “Anxos de garda” e “Crítica da memoria pura”. Na revista Guía dos libros novos contou coa sección propia “Hemisferio Oeste” e no Diario Cultural da Radio Galega tivo o espazo “Somos perigosamente normais”.

Ademais de publicar relatos en numerosas revistas e xornais, participou en libros colectivos como Pano de Lona (Arquivo Pacheco, 2005), Fisuras no cotián. Nove narradoras no relato de Xénero (Xunta de Galicia, 2006), Ghats e 24 10 06 (Candeia, 2007), Educación e Paz III. Literatura galega pola Paz (Xerais, 2008), Cartas de amor (El Patito, 2010), Camiñan descalzas polas rochas (TrisTram, 2010), Cociñando ao pé da letra (Galaxia, 2011) e no texto teatral Emigrados representado pola compañía Teatro de Ningures que mereceu un premio Max en 2008.

Como narradora publicou Anxos de garda (A Nosa Terra, 2003), Melodía de días usados (Galaxia, 2005), Así nacen as Baleas (Galaxia, 2007), Perigosamente normais (Universidade de Santiago de Compostela, 2008), Fedya Sergéevich derreteuse de amor (Augatinta, 2010) e A lúa da colleita (Galaxia, 2013).

Premios

• Premio Novos Valores da Narrativa Galega en 1985, polo relato “No devalo”.
• Accésit do XI Concurso de Narracións Curtas Modesto R. Figueirido do Pedrón de Ouro en 1985, polo relato “Relembranzas con Palmira e Banana Split”.
• Gañadora do Premio da Crítica de Galicia de Creación Literaria en 2004, por Anxos de garda.
• Gañadora do II Premio de Narrativa Breve Repsol YPF en 2007, por Así nacen as baleas.
• Premio á Autora do Ano da Asociación Galega de Editores en 2007, por Así nacen as baleas.
• Gañadora do Premio de Xornalismo Literario e de Opinión Roberto Blanco Torres en 2007, polo seu espazo de opinión “Somos perigosamente normais”, emitido semanalmente no Diario Cultural da Radio Galega no ano 2006.
• Gañadora do Premio Arcebispo San Clemente en 2008, por Así nacen as baleas.
• Premio García Barros en 2013, por A lúa da colleita.
• Premio de la Crítica Española para Narrativa en gallego en 2014, por A lúa da colleita.